
Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, temos o pracer de anunciar as próximas actuacións da compañía de teatro da nosa asociación, Martabelas. Dentro das actividades organizadas polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello de Teo, Martabelas porá en escena a súa última obra, «Segredos de familia e licor café».
A representación terá lugar o venres 8 de marzo, ás 20:00 horas, no Auditorio Constante Liste. Con esta nova proposta escénica, Martabelas continúa a súa aposta por un teatro comprometido, con historias que nos fan rir, emocionarnos e reflexionar.
Sinopse:
_Segredos de familia (e licor café)_ é unha comedia negra que explora os segredos ocultos dunha familia galega cun humor afiado e escenas de suspense. Lucía, unha actriz de éxito, regresa á casa familiar, onde a agardan as súas peculiares tías Adelaida e Úrsula, que parecen ser exemplo de bondade pero agochan un pasado sombrío. Ao mesmo tempo, a súa irmá Silvana volve cunha vida chea de misterios e intencións incertas.
A obra presenta mulleres fortes e decididas que loitan por controlar o seu destino, rompendo con convencións sociais mentres revelan as súas propias contradicións. A través de enredos, mentiras e doses de licor café, _Segredos de familia_ ofrece unha visión divertida e crítica das relacións familiares e a procura da liberdade persoal, sempre cun ollo posto na igualdade e o respecto mutuo.
Entre o humor negro e a reflexión, a obra invita a pensar sobre como nos definimos e como somos definidos polos demais.
Non perdas esta ocasión única de desfrutar do talento da nosa compañía de teatro. Reserva a túa entrada en teo.gal [1] e acompáñanos nesta celebración do 8M cunha obra que promete sorprender e conmover.
Agardámoste!
Links:
——
[1] https://teo.gal