Asociación para a participación das mulleres

HOMENAXE A XOÁN XOSÉ FERNÁNDEZ ABELLA

O derradeiro venres 28 de setembro celebrouse a homenaxe a XOÁN XOSÉ FERNÁNDEZ ABELLA co gallo da presentación do seu libro póstumo “Ultimos poemas de eloxios e outros poemas”.

Foi un acto moi emotivo no que estiveron presentes os fillos de Xoán Xosé. A presidenta da Asociación, Balbina González Morcillo deu a benvida a todos os presentes e logo deu paso á presentación pola escritora Rosalía Morlán.

No acto recitáronse poemas do homenaxeado, e tamén houbo tempo para escoitar na voz de Manoele de Felisa versións cantadas de outros versos de Xoan Xosé.

O acto foi rematado coa lectura das fermosas palabras que especialmente lle adicou para este acto a súa grande amiga, Rosa Gómez Limia, nas que se recolle o sentir desta asociación e de todos os presentes na homenaxe ao noso socio de honra.

“IN MEMORIAM

Alguén dixo algunha vez que ninguén morre definitivamente mentres haxa unha soa persoa que o recorde. Afirmación que teño por ben certa trala morte física do meu nunca suficientemente apreciado e admirado amigo Fernández Abella con quen tiven a satisfacción de compartir moitos e interesantes acontecementos acaecidos nos derradeiros 25 anos das nosas vidas.

Analizo a súa polifacética personalidade e atópome cun ser humano que é a un tempo mestre, escritor, poeta, rapsoda e sobre todo, político e feminista. Este home inmensamente culto había de deixar en min unha pegada inesquecible, baseada sobre todo nunha inmensa admiración pola súa cálida poesía que impregnada dunha forte expresión léxica completa os trazos espirituais dun poetasumamente crente.

Lembro que coñecín a Fernández Abella un 18 ou 19 de agosto de fai unha morea de anos durante a celebración dun sinxelo acto homenaxe ao que fora alcalde de Compostela, Anxel Casal e ao veciño de Teo Pepiño dá Areosa ambos pasados polas armas franquistas, e cuxos corpos apareceran nunha cuneta no lugar da Ribeira de Cacheiras en Teo.

Coincidiu que precisamente aquel primeiro encontro un pequeno grupo de mulleres estabamos a pór en marcha a nosa Asociación Teenses Pola Igualdade, motivo polo cal durante un anaco grande de tempo faleille a Xoán Xosé da ilusión coa que abríamos unha nova fronte reivindicativa cara a conseguir dereitos en igualdade para tódolos seres humanos, moi especialmente para nós, as mulleres.

Sorprendeume o interese co que o mestre escoitaba as novas que eu lle ía dicindo e durante un bo anaco de tempo inquiriume acerca da idea que se atopaba agochada detrás da organización que eu presidía así como dos medios que pensábamos utilizar para levar adiante o noso proxecto.

Así que compilei para el a miña longa historia como militante feminista, e faleille da loita das mulleres ao longo dos derradeiros séculos, así como das frustracións e desespero que nos asolagaban case dun xeito cotián.

Considerábamos excesiva a lentitude existente así como os escasos avances que se ían dando cara a pór fin as múltiples desigualdades que amparadas en un patriarcado incrustado na Sociedade e cómodo coas súas prebendas, mostrábase inmisericorde e negábase deseguido a escoitar as nosas razóns. Acabei asegurando que estabamos no intento de incorporar homes a nosa Asociación, homes feministas que entendesen o noso proxecto e que estivesen dispostos a colaborar no mesmo en igualdade de condicións.

Concordou comigo Abella en que foi o establecemento por séculos dunha sociedade patriarcal, enferma e unha suposta e interesada superioridade dos homes fronte a nunca xamais comprobada inferioridade das mulleres, a culpable de que a discriminación por sexos fose tan difícil de erradicar nos tempos presuntamente democráticos que estabamos a vivir.

Xeneroso e prolífico activista en pro da lingua, do feminismo e da terra, é de xustiza incorporar a súa silente biografía a entrega activa que dende o primeiro momento fixo cara á causa de Teenses Pola Igualdade.

Dende entón, non houbo acto ou evento realizado pola Asociación no que el non aparecese, acompañado, iso si, do seu inseparable compañeiro Avelino Pousa Antelo outro dos primeiros varóns en incorporarse con decisión non disimulada a Teenses Pola Igualdade

Sempre, sempre que se lle pediu colaboración, aceptou Xoán Xosé de bo grado, unhas veces recitaba, outras falaba e tamén mesmo axudaba a colocar cadeiras para a celebración da Festa das Mulleres. Así de grandemente humilde e colaborador era Abella

Estivo con nós en todo momento, tanto na presentación do noso libro 100 Mulleres Galegas Artistas Emerxentes, como na celebración das Letras Galegas de cada ano, no Día de Loita conta a violencia cara as Mulleres, oínte nas charlas sobre saúde da Dra. Charo Vázquez, reivindicando unha Rúa en Teo para Clara Campoamor…etc,etc.

Pero aínda ei de subliñar por razóns de xustiza, o seu papel decisivo para acadar da Real Academia Galega de Lingua un Día das Letras para a poeta noiesa María Mariño, obxectivo acadado no año 2007 e así como o establecemento que en lembranza de ese logro puxemos en marcha o Certame de Poesía Galega María Mariño de carácter bianual e que vai xa pola súa XIV Edición.

Sorprendentemente, fai uns días tiven a inmensa pena de saber do pasamento do meu prezado amigo. Agora el, ven de finalizar o seu ciclo vital, a súa loita rematou e fica xa moi lonxe, cara eses transcendentes espazos onde o imaxino feliz bicando a súa nai e, como non? A súa inesquecible e amadísima dona; mentres, unha vez máis, facendo gala da súa inmensa xenerosidade, fainos entrega do agarimoso regalo da súa obra póstuma que, como non, vou ler con auténtico cariño.

Descansa en paz, amigo, vaste cara a eternidade. Sempre na nosa memoria

querido compañeiro, aquí ninguén te imos esquecer.

Rosa Gómez Limia

Teo 28/9/23”

No se han encontrado comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*