Asociación para a participación das mulleres

CELEBRANDO AS NOSAS LETRAS EN CLAVE DE IGUALDADE

No marco da iniciativa «Lecturas pola Igualdade», a nosa Asociación organizou o pasado 12 de maio un recital poético-musical co gallo do Día das Letras Galegas 2023. O acto tivo lugar na Escola de Estudos Musicais Allegro Os Tilos e nel participaron máis de cincuenta persoas.

Durante o recital Cris Román, compositora e cantante, interpretou «Galicia», poema de Manuel María, e «Teito de cristal», canción da propia autora. Alejandro Martín, actor, púxolle voz aos poemas «Mulleres» e «Sexo débil», do autor Miguel Gane. A escritora teense Beatriz García Turnes recitou os poemas «Camiñan descalzas polas rochas», de Ana Romaní, «Arden as bruxas», de Paula Carballeira, e o seu poema»Un chal de amencer». Miguel Melero, poeta e músico, leu catro poemas propios: «A avoa», «Choven poetas», «Microeconomía» e «Coidado cos poetas».

Por outra parte, as irmás Rut e Uxía Busto, alumnas da Escola Allegro, interpretaron o poema «Mulleres», da autoría da propia Rut, e o grupo musical Entre cordas interpretou a peza «Matriarcas», de Guadi Galego. A xeito de peche a poeta poeta Claudia Castro, acompañada pola pianista Mersi Nogueira, recitou «A chamada das fillas de Safo», poema adicado ás compañeiras de Teenses pola Igualdade.

As Letras Galegas 2023 homenaxearon a Francisco Fernández del Riego, escritor e intelectual galeguista nado en Lourenzá en 1913 e finado en Vigo en 2010. Narrador e ensaísta, Fernández del Riego traballou arreo a prol da cultura galega, sendo un dos principais artífices da Editorial Galaxia, ademais de director da Revista Grial e membro do Grupo Nós.

No se han encontrado comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*