RESEÑA “SOLO MÍA”
Por Claudia Castro
Co gallo do Día Internacional contra a Violenciade Xénero, a Asociación Teenses pola Igualdade e a Asociación de Mulleres Recandea do Castiñeiriño celebramos o pasado sábado 25 de novembro o Cineforum de xénero coa película Solo mía.
O encontro tivo lugar no Centro Sociocultural Agustín Bueno do barrio compostelán do Castiñeiriño e reuniu a máis de corenta persoas, homes e mulleres. A historiadora e feminista Guillermina Domínguez foi a encargada de presentar o filme e moderar o coloquio posterior.
Solo mía foi estreada no ano 2001, dirixida por Javier Balaguer e protagonizada polo actor Sergi López e a actriz Paz Vega. O filme narra a historia de amor de Ángela e Joaquín, unha parella nova de clase media, que se namora, contrae matrimonio e ten unha filla. Todo semella felicidade e harmonía ata que chegan os primeiros berros e a primeira bofetada. A partires de aí o conto de fadas convértese nun pesadelo para Ángela.
Guillermina Domínguez comentou o elevado valor como testemuña do filme, dado que o director tomou coma fonte experiencias reais de vítimas de violencia de xénero. A moderadora realizou ademais unha interesante análise dos personaxes principais e secundarios da película e da súa evolución durante a mesma. De Ángela, muller nova, ambiciosa e atractiva, destacou as súas ideas claras respecto ao
seu futuro persoal e profesional, que se ven frustradas polo carácter machista e violento de Joaquín, o seu home. De Andrea, amiga de Ángela, a sororidade e a solidariedade coa súa amiga ademais do rexeitamento a todo tipo de machismo. Da nai de Ángela salientou a súa mentalidade de muller tradicional e submisa, que vai cambiando a medida que se decata do sufrimento da súa filla.
A historiadora quixo ademais ilustrar o coloquio con cifras. Lembrou que actualm
ente en España unha muller é asasinada cada cinco días por violencia de xénero e unha muller é violada cada oito horas. En 2017 o número de vítimas de violencia de xénero supera a cifra coa que pechou 2016, ano no que foron asesinadas 44 mulleres.