Onte, 9 de decembro, a Asociación Teenses pola Igualdade asistiu á proxección do documental “El viaje de Carla” en Vilagarcía de Arousa, un acto organizado pola Asociación o Soño de Lilith. O documental narra a vida de Carla Antonelli, unha vida épica, digna de ser narrada, cargada de moitos obstáculos e dificultades pero tamén de moitos éxitos e importantes triunfos que chegaron grazas a súa valentía, espírito de superación e de resilencia. Admirada e recoñecida activista dos dereitos LGBT, política, actriz e unha das artífices do matrimonio igualitario e da Lei de Identidade de Xénero. Dende o 2011 é deputada na Asemblea de Madrid polo Partido Socialista Obreiro Español, primeira e única muller transexual en acceder a este cargo neste país. É Portavoz Adxunta da Comisión de Cultura e Turismo e responsable de familias, menores e temas LGTBI na Comisión de Políticas Sociais e Familia, Secretaria da Mesa da Comisión de Xuxentude e vocal da Executiva Rexional do PSOE-M.
Non podíamos perder a oportunidade de coñecer persoalmente a unha figura desta importancia. Unha muller que protagonizou, e segue a facelo, un dos capítulos máis importantes de historia recente do noso país. Despois do filme abriuse un debate que Carla Antonelli mantivo vivo en todo momento. O Salón Vilagarcía estaba cheo e entre o público xurdían ininterrompidamente unha pregunta tras outra. A xente resistíase a marchar, e o silencio e a atención, mentres Carla falaba, era absoluto.
Para nós foi un privilexio escoitar a Carla Antonelli, gozar da súa conversa, sentirnos contaxiadas do seu compromiso social e comprobar, unha vez máis, que canto máis grande é unha persoa, máis próxima, sinxela e humilde se presenta.
O discurso de Carla, unido á súa humanidade e magnetismo persoal, fixo deste acto algo memorable, que nós non esqueceremos en moito tempo. Grazas ao Soño de Lilith por ter organizado este acto.