Asociación para a participación das mulleres

COMUNICADO OFICIAL DA XUNTA DIRECTIVA DA ASOCIACIÓN TEENSES POLA IGUALDADE EN RELACIÓN AO SUCESO ACAÍDO NA CELEBRACIÓN DA XII FESTA DAS MULLERES

Teo, 17 de marzo de 2022. Dende a xunta directiva da Asociación Teenses pola Igualdade queremos manifestar o noso fondo pesar polos sucesos acaídos o pasado sábado 12 de marzo no Auditorio Municipal d’A Ramallosa (Teo) co gallo da celebración da XII Festa das Mulleres.

En primeiro lugar, as membras e membros da xunta directiva abaixo asinantes desexamos pedir desculpas polo malestar e dano causado pola lectura do manifesto, con cuxo contido no relativo á diversidade sexual non concordamos. Aínda estando na responsabilidade desta xunta directiva a previa lectura e consenso do manifesto, nesta ocasión non se seguiu este procedemento habitual e dita tarefa previa non se levou a cabo.

En segundo lugar, queremos trasladar que a nosa Asociación é independente de calquera partido político e leva vinte anos traballando arreo en prol da erradicación de calquera clase de violencia contra as mulleres e en prol da igualdade real e efectiva en todos os ámbitos da sociedade. A nosa Asociación foi sempre e segue a ser inclusiva, non estando na nosa folla de ruta o debate actual aberto sobre o xénero, polo que a referencia ao anteproxecto de lei contida no manifesto lido o pasado sábado nunca debeu figurar no mesmo.

En terceiro lugar, queremos amosar o noso firme rexeitamento cara a toda inxustiza ou discriminación de calquera tipo, así coma a nosa férrea defensa dunha sociedade inclusiva, respectuosa e sensible coa diversidade e cos dereitos de todas as persoas, aspecto que consideramos fundamental para a convivencia.

En cuarto lugar, queremos desmarcarmos de todas as opinións individuais e colectivas que se están a facer no noso nome ou empregando o mesmo, pois o noso sentir e parecer sobre ditos feitos é o contido na presente comunicación.

Por último, queremos eximir de calquera responsabilidade no sucedido a socios, socias e entidades colaboradoras coa nosa Asociación.

Atentamente,

Xunta Directiva da Asociación Teenses pola Igualdade.

(Vicepresidenta, tesoureira, secretaria e vogais)

No se han encontrado comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*