O pasado venres 20 de maio tivo lugar no Hotel Congreso de Teo a entrega de premios da VIII Edición do Certame de Poesía María Mariño, organizado pola nosa Asociación. O acto contou coa presenza dos autores premiados, Francisco Fernández Dávila e Inmaculada Núñez, de tres membros do xurado, os escritoes Beatriz García Turnes, Rosalía Morlán e Miguel Melero, así como de representantes institucionais e políticos do ámbito da cultura procedentes de Teo e concellos limítrofes.
O encontro foi unha fermosa e emotiva celebración das nosas letras e reuniu a máis de cincuenta persoas que gozaron da lectura dos poemas gañadores na voz dos seus autores. A xeito de broche final a recitadora Elisa Barreiro leu varios poemas de María Mariño, a autora que dá nome ao certame.
A Vagoneta Educativa e o Pernas Multicentro foron as entidades patrocinadoras desta oitava edición.