Asociación para a participación das mulleres

Teenses pola Igualdade celebrou o Día das Letras Galegas na Casa Común de Cacheiras

Onte, na Casa Común de Cacheiras, Teenses pola Igualdade celebrou un emotivo acto con motivo do Día das Letras Galegas, ao que asistiron máis de 50 persoas. A actividade foi presentada pola presidenta da asociación, Zora Leis Barcia, que deu a benvida ás persoas asistentes cun discurso cheo de significado e compromiso coa lingua e cultura galegas.

O acto contou coa presenza institucional da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, da concelleira de Cultura, da concelleira de Servizos Sociais e de representantes dos diferentes grupos políticos do Concello, aos que se agradeceu a súa asistencia e apoio.

A presidenta salientou a importancia de aproveitar cada 17 de maio como unha oportunidade para poñer en valor a nosa lingua, recoñecer a quen a fai medrar e celebrar a nosa identidade colectiva.

A protagonista da xornada foi a poeta Rosalía Morlán, unha voz destacada da poesía galega contemporánea, cunha traxectoria que combina sensibilidade, humor e compromiso social. Zora Leis destacou que “leva o nome da nosa escritora máis universal, pero tamén leva décadas construíndo unha voz propia”. Recentemente nomeada Filla Predilecta do Concello de Trazo, foi para Teenses pola Igualdade unha honra contar coa súa presenza e coas súas palabras.

Como colofón, o público puido gozar da música tradicional das pandereteiras Cruceiro de Monte, que fixeron vibrar a Casa Común coa forza da nosa cultura popular.

Foi unha tarde de emoción, identidade e celebración compartida, na que, un ano máis, Teenses pola Igualdade puxo en valor a palabra, a música e a nosa lingua galega.

No se han encontrado comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Arquivos