Queridas socias e socios, colaboradores e simpatizantes de Teenses pola Igualdade:
Neste tempo de Nadal, quero falarvos de corazón. Desexo que pasedes unhas festas cheas de ledicia e amor xunto ás vosas familias e seres queridos. Que o Ano Novo que comeza traia esperanza e novas oportunidades para todas as persoas.
Non podo deixar de agradecer a cada un de vós, as socias e socios que facedes parte desta gran familia. Grazas ao voso compromiso e ilusión, Teenses pola Igualdade segue adiante ano tras ano. Tamén quero recoñecer o apoio constante de colaboradores e simpatizantes. Grazas a vós, podemos continuar soñando e facendo realidade proxectos que marcan a diferenza.
Este foi un ano inesquecible para a nosa asociación. Celebramos o 20º aniversario, un fito que nos enche de orgullo. Entre os momentos máis especiais, destaco o reencontro cos socios na entrega do IX Premio María Mariño, a homenaxe tan sentida á nosa primeira presidenta e fundadora, Rosa Gómez Limia, e a Gala do 20º aniversario. Foi un encontro para celebrar todo o que conseguimos xuntas e xuntos.
Outro momento de profunda emoción foi poder ir acompañada de Rosa Gómez Limia e de Balby González Morcillo, as miñas predecesoras, a recoller a Mención Honorífica nos Recoñecementos Menina 2024. Este acto simboliza o verdadeiro espírito de Teenses pola Igualdade: as persoas cambian, pero o proxecto segue adiante, fiel á súa esencia.
Agora máis que nunca, precisamos que entre aire fresco na asociación. A mocidade ten moito que aportar, e debemos escoitar as súa ideas, proxectos e soños. Alba e Inés son un gran exemplo disto, e quero darlles as grazas pola súa enerxía e compromiso. Comparten con nós a certeza de que a educación en igualdade é a clave para erradicar a violencia. Non hai outro camiño.
En xuño, celebramos a Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria, onde os socios eliximos a nova Xunta de Goberno. Quero expresarlles a miña máis profunda gratitude á nova Xunta Directiva polo enorme esforzo e dedicación que todos os seus membros teñen aportado. Grazas ao seu compromiso, logramos modernizar as dinámicas de funcionamento da asociación, actualizando e dixitalizando moitos procesos. Este traballo non só mellorará a comunicación cos socios, senón que tamén permitirá levar con maior eficacia a nosa mensaxe á sociedade e á nosa comunidade de asociados.
Tampouco podo esquecer a colaboración e disposición do Concello de Teo, e en especial da alcaldesa, Lucia Calvo a súa total posta a disposición da asociación. O apoio institucional é clave para avanzar na igualdade, unha causa común que transcende diferenzas políticas, relixiosas e sexuais.
Quero animarvos a todas a non baixar a garda. A violencia machista segue presente, aquí e en todo o mundo. Ataca de forma aberta ou escondida, deixando ás mulleres, nenos e nenas sen protección. Pero non podemos rendernos. Sigamos loitando, sigamos activas. Esta é a nosa responsabilidade, o noso futuro, o das nosas fillas, fillos e netas e netos.
Mando unha aperta inmensa a cada unha de vós e os meus mellores desexos para este ano que comeza. Sigamos facendo camiño, xuntas.
Con todo o meu afecto,
Zora Leis Barcia
Presidenta de Teenses pola Igualdade