Con motivo da celebración da semana do 8 de marzo, a Asociación Teenses pola Igualdade organizou unha charla-coloquio dixital coa escritora e académica Marilar Aleixandre baixo o título «Emilia Pardo Bazán, todos os dereitos para as mulleres». O vindeiro mes de maio cumpriranse cen anos do pasamento desta autora que, como nos trasladaba Aleixandre, en 1914 definíase coma «radical feminista» e afirmaba: «creo que todos os dereitos que ten o home debe telos a muller».
Durante a conferencia Marilar Aleixandre falou así mesmo de como Pardo Bazán dedicaba moitos esforzos á educación, xa que no seu tempo as mulleres non tiñan acceso a ela. A propia autora foi autodidacta, «mestra de si mesma» segundo as súas propias verbas.
Outra das reclamacións de Pardo Bazán era o dereito ao voto para as mulleres, fundamentado na idea de que debían ter un destino propio.