Cada 22 de abril dende 1970, celébrase o Día Mundial da Nai Terra. É unha data marcada nos calendarios polas Nacións Unidas co obxectivo de concienciar á humanidade sobre os problemas da superpoboación, a contaminación e a importancia da conservación da biodiversidade.
En 1972 celébrouse a primeira conferencia internacional sobre o medio ambiente. A Cume da Terra de Estocolmo, cuxo obxectivo foi sensibilizar aos líderes mundiais sobre a magnitude dos problemas ambientais.
Durante esta xornada, anímase a todas as entidades a convocar e organizar actividades relacionadas co coidado e mantemento da natureza. Por isto Teenses pola Igualdade quere facer un acto conmemorativo e de concienciación posto que un dos fins desta asociación é a defensa do medio ambiente e de forma especial dos nosos ríos, bosques e paraxes naturais, así como toda actividade encamiñada a mellorar a calidade da información sobre temas de saúde ou para fomentar a práctica de hábitos saudables.
Esta Asociacion ten o inmeso pracer de poder contar coa participación de Ana María García, enxeñeira química e master en enxeñaría ambiental, especializada en sostibilidade, unha muller que se define como galega, millennial, blogueira ás veces, divulgadora de sostibilidade que ven o de presentar o seu proxecto de vida.
O Xoves 18 de abril, as 20:30h, na Casa Común de Cacheiras Ana María García ven presentar o seu libro «A TEMPO», unha novela curta, de ficción climática que pode servir para concienciar sobre a emerxencia climática. Trata sobre os posibles escenarios que nos podería traer o cambio climático, como fenómenos meteorolóxicos extremos e dificultades de supervivencia.
E de desacatar a especial sensibilidade de Ana María que se reflexa na súa novela, empregando unha linguaxe inclusiva, sen referencias aos xéneros das personaxes se non son relevantes para a historia, ou elixindo unha fonte fácil de ler para persoas con problemas de visión ou dificultades de lecto-escritura. Na procura da sostibilidade a elección da fonte tipográfica supón un aforro de tinta considerable fronte a outras, contribuíndo a reducir o impacto ambiental, o mesmo ocorre co papel reciclado e os colores da portada.
Despois de presentarnos a súa novela «A Tempo», falaranos e falaremos do seu proxecto de sostibilidade «anacossostenibilidade.com» e de como todos podemos axudar ao planeta Terra sendo máis ecolóxicos e con accións no dia a día mais sostibles.
Estades todos convidados a coñecer a novela de Ana María aprender sobre ecoloxismo e sostibilidade!