O pasado sábado 29 de abril tivemos oportunidade de coñecer unha parte da engaiolante Costa da Morte. Un grupo de trinta e cinco socias e socios de Teenses pola Igualdade viaxamos á ría de Corme e Laxe e gozamos dunha xornada lúdica e didáctica a un tempo.
A primeira parada fixémola no Ecomuseo Forno do Forte, un dos conxuntos etnográficos máis emblemáticos da vila de Buño. Alí coñecemos a vida tradicional dos oleiros e as súas familias a través dunha interesante visita guiada.
Tamén aproveitamos o día para dar agradables paseos pola vila mariñeira de Malpica e a praia de Balarés, situada nun estremo do Monte Branco, ademais de coñecer dous faros en enclaves senlleiros como son o Cabo Roncudo e Punta Nariga.