Asociación para a participación das mulleres

Francisco J. Fernández Davila e Inmaculada Núñez gañan o VIII Premio de Poesía María Mariño

O xurado do Certame de Poesía María Mariño, organizado por Teenses pola Igualdade, reuniuse onte en Teo para decidir os poemas gañadores desta oitava edición. Tras a deliberación, o primeiro premio recaeu no poema «The walking verses ou o ataque dos poemas zombis», do autor Francisco Javier Fernández Davila, e o segundo premio correspondeulle a «Bonus track», escrito por Inmaculada Núñez.

Enxeñeiro de profesión, Francisco Javier Fernández Davila naceu en Vigo en 1974. Coma escritor obtivo numerosos recoñecementos literarios, entre eles o XVII Certame de Novela por Entregas de «La Voz de Galicia», o XII Premio de Poesía Victoriano Taibo ou o XXXIII Certame de Poesía Rosalía de Castro, de Cornellá.

Inmaculada Núñez é unha autora de trinta anos de idade natural de Rubiá, na comarca ourensá de Valdeorras. Tras estudar Filosofía e residir en Madrid durante unha década, voltou á súa terra natal, onde traballa no campo.

O xurado desta oitava edición do Certame María Mariño estivo composto polas narradoras Rosa Aneiros e Beatriz García Turnes, os poetas Miguel Melero e Rosalía Morlán, e o filólogo Leopoldo Cañizo. A entrega de premios terá lugar o vindeiro 20 de maio á tardiña no Hotel Congreso, en Teo.

No se han encontrado comentarios

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*