Asociación para a participación das mulleres

Cacheiras tamén rexeita en referendo a relixión nas aulas

 

IES cacheiras_1

A nosa presidenta co director e persoal docente do Ies de Cacheiras

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena

Xornal on line Praza Pública

O 87,5% dos pais e nais que participaron no referendo organizado polo colectivo Somos Parte no IES Cacheiras (Teo) rexeitou que a relixión teña valor académico nos currículos (isto é, contar, coma o resto das materias, para cuestións como o acceso ao ensino superior ou para a adxudicación de bolsas), e o 74,5% opuxéronse a que comparta horario con outras materias. É a segunda vez que se realiza unha votación deste tipo, despois da que a comezos de abril se levou a cabo no CEIP Os Tilos, con resultados semellantes. A partir deste venres comezarase a votar no CEIP A Ramallosa, tamén no Concello de Teo. O colectivo Somos Parte, unha Plataforma de Pais e Nais por un Ensino Público Democrático que consideran que as decisións que atinxen á educación dos fillos deben contar co consenso de toda a comunidade educativa, salientou o rexeitamento maioritario á presenza da relixión nas escolas públicas, e a necesidade de que os pais e nais poidan expresar a súa opinión sobre algúns dos cambios máis importantes e polémicos introducidos pola LOMCE. O colectivo quere estender estas votacións a centros de ensino de toda Galicia, un proceso no que veñen traballando dende hai uns meses e que esperan levar a cabo o vindeiro curso. No referendo participaron 214 pais, nais ou titores legais dos 645 alumnos, aínda que moitos deles teñen varios fillos estudando no mesmo centro e só votaron unha vez. A votación realizouse ao longo de toda a semana pasada no mesmo centro de ensino, no que se colocou unha urna pechada e precintada. Os votos eran nominais (tiñan que ir identificados cos nomes e apelidos dos pais e nais, o número do DNI e asinados) e o reconto foi verificado pola xuíza de paz do Concello de Teo, Rosa Gómez Limia. Hai unhas semanas Cochi García, unha das voceiras de Somos Parte, sinalaba en entrevista con Praza Pública que «queremos trasladar estas mesmas preguntas a outros centros de ensino de Galicia, para ter unha resposta global, que sexa representativa a nivel galego» e explicaba que «contactamos xa con algunhas Anpas, e outras contactaron directamente con nós interesándose polo tema, pero queriamos concluír esta primeira experiencia para aprender, solucionar erros, e ter un modelo de funcionamento que amosar».

«Queremos saber que opina a comunidade educativa con respecto a estas normas que van entrar en vigor e con respecto a outras. Trátase de democratizar o sistema, e de trasladarlle á administración o que pensan os pais e nais»

Conchi García subliñaba así mesmo que Somos Parte «non está vencellada a ningún grupo ideolóxico, somos unha plataforma de pais e nais, cada un coa súa ideoloxía» e engade que nin sequera fan campña «a favor ou en contra de ningunha medida en concreto». «Nós queremos facer aquilo que a administración non fixo: consultarlles aos pais e nais que é o que queren, que é o que pensan que é mellor para os seus fillos e fillas. Queremos saber que opina a comunidade educativa con respecto a estas normas que van entrar en vigor e con respecto a outras. Trátase de democratizar o sistema, e de trasladarlle á administración o que pensan os pais e nais», concluía.