Asociación para a participación das mulleres

O Valedor do pobo recibe á Plataforma Polo Dereito a Decidir

O Valedor do Pobo traslada a súa “boa disposición” e “sensibilidade” ás integrantes da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto na reunión mantida na mañá de onte.

10313540_10202143730174376_5434387042915768506_n[1]

Unha representación de seis mulleres mantivo unha entrevista con José Julio Fernández, na que éste lles informou dos trámites realizados cos recursos de amparo presentados en febreiro e trasladados ao Defensor del Pueblo.
O Valedor anuncioulles que incluirá no seu informe anual de 2013, que presentará o día 2 de xuño no Parlamento, os recursos presentados pola Plataforma que, con 2.693 rexistrados, son os segundos máis numerosos.

“Sensibilidade” e “boa disposición”. Estas foron as palabras utilizadas polo Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez, para referirse á situación exposta polas seis mulleres representantes das 74 entidades e organizacións asinantes da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, no marco da reunión que mantiveron as dúas partes na mañá de onte a petición da propia Plataforma co obxectivo de coñecer as razóns polas que Fernández trasladou os recursos de amparo presentados o 22 de febreiro ao Defensor del Pueblo.

Fernández Rodríguez, despois da exposición realizada pola coordinadora da Plataforma, Pilar Estévez, en defensa destes recursos e do seu contido, explicou as xestións e trámites realizados por el mesmo e o seu equipo durante o mes posterior ao do rexistro de ditos escritos. Así, informou de que, dada a relevancia social desta reforma e o forte impacto que está a ter, mantivo diferentes contactos incluso a nivel estatal, dos que concluíu que a solución máis eficaz para afrontar o que a Plataforma plantexa é a de trasladar os recursos ao Defensor del Pueblo (neste caso, defensora, xa que é Soledad Becerril).

Así as cousas, e como apuntou, mentres que esta reforma sexa un anteproxecto e estea a tramitarse nas Cortes do Estado, será o Defensor del Pueblo o encargado de resolver os recursos. Iso si, engadiu que no caso de que a reforma sexa aprobada e entre en vigor, e dado que as competencias en sanidade, educación e asuntos sociais, están transferidas, o asunto podería retomarse dende Galicia, se así o pedise a Plataforma.
Ademais, comprometeuse a incluir na súa comparecencia fixada para o vindeiro 2 de xuño no Parlamento para dar conta do informe anual correspondente a 2013 un apartado sobre os recursos promovidos pola Plataforma, aínda que foran rexistradas en febreiro de 2014. E é que, como dixo, trátase da segunda quexa máis numerosa das rexistradas nese informe, con 2.693 contabilizadas ata esta mañá (a éstas habería que engadir as presentadas hoxe, varios centos, porque a campaña de recollida de sinaturas continúa malia a resposta por escrito efectuada polo Valedor).

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que antes do inicio da reunión realizou unha pequena concentración ante a sede do Valedor, levará a cabo unha valoración polo miúdo do contido desta entrevista na vindeira xuntanza nacional, na que abordará as accións a realizar agora a este respecto. Tamén seguirá traballando noutras actividades que está a desenvolver co obxectivo de defender os dereitos e liberdades das mulleres e evitar que o Partido Popular siga adiante coa súa contrarreforma da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da IVE de 2010.Valedor do Pobo