
A Asociación Teenses pola Igualdade convida a toda a veciñanza de Teo a participar na XV Festa das Mulleres e Asociacións de Teo, unha xornada moi especial organizada arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que busca compartir, recoñecer e poñer en valor o papel das mulleres e do tecido asociativo do noso concello.
O evento terá lugar o sábado 21 de marzo de 2026, ás 17:00 horas, na Casa Común de Rarís, e contará cun programa diverso no que participarán distintas asociacións de Teo, contribuíndo a facer desta cita un espazo de encontro, convivencia e celebración colectiva.
Nesta edición, a Asociación Teenses pola Igualdade renderá unha homenaxe moi especial á chef Lucía Freitas Rodríguez, referente da gastronomía galega e exemplo de talento, compromiso e vinculación co territorio.
Así mesmo, realizarase un recoñecemento especial ás Xeneralas do Ulla, pola súa loita e contribución para acadar a presenza e a igualdade das mulleres nunha das tradicións máis emblemáticas da nosa cultura.
A xornada completarase coa actuación especial de Mariachi Real Internacional, que porá a nota musical a unha tarde pensada para gozar en comunidade.
Desde a Asociación Teenses pola Igualdade animamos a toda a cidadanía a achegarse e participar nesta celebración, que pretende ser tamén un espazo para visibilizar a forza, o talento e a contribución fundamental das mulleres na vida social, cultural e comunitaria de Teo.
Agardámosvos para compartir esta tarde tan especial!
