O pasado venres, 31 de maio, Teenses pola Igualdade celebrou a súa Gala de Entrega dos IX Premios María Mariño, un evento destacado pola súa emotividade e recoñecemento ao traballo a prol da igualdade.
A gala, conducida pola prestixiosa xornalista Lara Salgado, comezou cunha conmovedora lectura dun poema inédito do noso socio Alejandro Martín Olmedo, acompañado polo virtuoso guitarrista José Manuel Dapena. A continuación, rendemos homenaxe a Luisa Villalta, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas, coa lectura de dous dos seus poemas a cargo de Mercedes García Novio e Alejandro Martín, membros da compañía Martabelas da nosa asociación.
Despois dunha brillante interpretación musical de José Manuel Dapena, deu comezo o acto de entrega dos premios. O primeiro premio foi outorgado a Óscar Reboiras polo seu poema «Os furados das brétemas«, que recibiu de mans de Isolina Raña, da empresa Relaciones Públicas Galicia. O segundo premio foi para Ana Valín polo seu poema «Ofelia«, entregado pola vicepresidenta de Teenses pola Igualdade, Mercedes Mosteiro Liñeira, en representación da libraría A Vagoneta Educativa.
Tras unha nova interpretación musical de José Manuel Dapena, entramos na segunda parte do acto: a homenaxe a Rosa Gómez Limia. Rosa, quen formou parte do xerme da nosa asociación, foi a primeira muller de esquerdas en formar parte do Parlamento de Galicia na súa segunda lexislatura. Cunha traxectoria intensa en prol da igualdade e a defensa dos dereitos das mulleres, esta perita e xornalista, nacida en Ourense, foi cabeza de lista en Mugardos en 1979, nun tempo no que era raro ver mulleres encabezando listas electorais, sendo só dúas na provincia da Coruña.
Este recoñecemento, acordado por unanimidade pola xunta directiva, nomeouna fundadora honoraria e socia de honra de Teenses pola Igualdade. A presidenta da asociación, Zora Leis Barcia, destacou no seu discurso que «Falar de Rosa é falar de feminismo en toda a súa esencia, feminismo que ela leva no ADN. Pero tamén de cultura, de medio ambiente, de humanidade, de amizade, de loita. Ela foi a miña mestra na loita polos dereitos das mulleres. Compartín con Rosa esa loita, con Balbina, a súa sucesora, que lamentablemente presentou a súa dimisión hai uns días por motivos persoais, coa nosa primeira querida e entrañable amiga e secretaria Jacinta que tristemente nos deixou pero que sempre nos acompañará, e con outras compañeiras e compañeiros, algunhas e algúns aquí presentes. Teenses continúa na loita pola igualdade, agradezo contar con persoas como Mercedes Mosteiro, Alejandro, Cruz, Roberto, Mercedes García Novio, Lola, Pepa, e novas incorporacións como Alba, Inés… que axudan a que o proxecto teña continuidade de futuro porque por desgraza segue sendo necesario. Así empezamos fai 20 anos nos que traballamos duro, moi duro. Pero fomos pioneiras en moitas cousas en Teo, de feito fomos o primeiro C.I.M deste concello. Grazas a mulleres como Rosa. Hoxe, neste país, temos Alcaldesas, Ministras, Vicepresidentas e Presidentas, Científicas, Empresarias, Artistas, Escritoras, Directoras de cine. Temos campioas do mundo de Fútbol. Mulleres loitadoras. Mulleres bravas e imprescindibles.»
A Rosa impúxoselle la insignia da asociación como parte do recoñecemento. Entre os asistentes, contamos coa presenza da alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz, así como varios concelleiros e membros dos grupos políticos de Teo. Tamén nos acompañou unha concelleira do noso concello veciño, Vedra, de onde é orixinaria a segunda premiada. Foron numerosas socias e socios os que acudiron a esta gala, na que contamos cunha socia e colaboradora de excepción durante estes 20 anos de actividade da asociación, a doutora Charo Vázquez, gran amiga da homenaxeada.
O acto pechouse cunha marabillosa interpretación do guitarrista José Manuel Dapena e posteriormente houbo un viño galego para todos os asistentes.
Grazas a todas e todos por facer parte desta noite tan especial. Seguimos traballando xuntos pola igualdade e recoñecendo o labor de persoas tan excepcionais como Rosa Gómez Limia.
#PremiosMaríaMariño #TeensesPolaIgualdade #Igualdade #HomenaxeARosaGómezLimia #Poesía #Teo #LetrasGalegas #GalaTeenses2024