Un ano máis a Asociación Teenses pola Igualdade quere achegar o seu gran de area para contribuír a erradicar a violencia de xénero no noso país. Así é como nace a iniciativa CULTURA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.
O vindeiro 25 de novembro é a data declarada pola ONU como Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Neste 2020 dende a nosa Asociación levaremos a cabo un conxunto de actividades en formato dixital agrupadas baixo o lema CULTURA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.
Entre estas accións atópase o recitado do poema «Sextina das mulleres mortas», da autora luguesa Marica Campo. Outra das actividades a realizar será «Cine contra a violencia», no marco da cal diferentes membras e membros da Asociación recomendarán filmes comprometidos coa denuncia desta lacra.
Segundo datos da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, as vítimas mortais dende xaneiro de 2003 ata a actualidade foron 1.074. Este ano un total de 47 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas e ex parellas.