
O pasado mércores, a Asociación Teenses pola Igualdade organizou unha nova charla formativa aberta á veciñanza, centrada nesta ocasión na protección e prevención da saúde durante o outono e inverno, a cargo da Doutora Charo Vázquez.
Durante a sesión, que tivo lugar no Concello de Teo, a doutora fixo unha exposición clara, práctica e accesible sobre as principais enfermidades que afectan nesta época do ano, como gripes, bronquites, pneumonías, resfriados ou agravamentos de enfermidades respiratorias crónicas como a asma ou o EPOC. Tamén tratou outras afeccións menos coñecidas pero frecuentes, como a distimia (trastornos do ánimo), a síndrome de Raynaud ou a perniosis.
A charla puxo o foco na importancia de previr, lembrando que manter unha boa alimentación, practicar deporte, expoñerse ao sol e coidar o benestar durante todo o ano axuda a ter o sistema inmunitario forte nesta tempada.
Ademais, compartíronse consellos moi útiles:
- Evitar cambios bruscos de temperatura.
- Lavar as mans con frecuencia e manter boa hixiene nasal.
- Manter os espazos ventilados.
- Non fumar.
- Extremar a precaución os días de choiva (follas esvaradías) ou de borrascas, atendendo sempre ás indicacións das autoridades.
- Participar nas campañas de vacinación contra a gripe, a COVID ou a pneumonía.
Por outra banda, a Doutora Vázquez tamén explicou que o tratamento debe adaptarse aos síntomas, e subliñou a importancia de acudir ao médico de familia se estes aumentan ou persisten.
A Asociación Teenses pola Igualdade quere agradecer a asistencia da veciñanza, así como a colaboración institucional da alcaldesa Lucía Calvo de la Uz e das concelleiras Margarita Rosende (Cultura, Turismo, Festas Tradicionais e Festexos) e María Vázquez (Educación, Muller, Igualdade, Diversidade e Lingua), polo seu apoio continuado ás actividades que promoven a saúde e o benestar da comunidade.
Esta actividade enmárcase no compromiso da Asociación Teenses pola Igualdade coa formación e a promoción da saúde como parte do seu labor de sensibilización e igualdade.
