O pasado 8 de maio, o xurado dos IX Premios de Poesía María Mariño deu a coñecer os gañadores desta edición. O primeiro premio foi outorgado a D. Óscar Reboiras Loureiro polo seu poema «Os furados das brétemas». O xurado destacou a obra con estas palabras:
«O texto seleccionado, a través do nós maiestático e omnisciente, presenta un mundo poético e desolador, caótico, medoñento e temeroso. Os elementos discursivos, mediante dez unidades estróficas de extensión variable e libre disposición, conteñen numerosos recursos literarios e metafóricos dignos de consideración.»
O segundo premio recaeu en Dª Ana Valín García polo seu poema «<<Despepitarme>> por completo», do cal o xurado destacou:
«O texto seleccionado, de temática clásica, con alusións literarias e musicais, presenta sete unidades con estrutura uniforme e un narrador explícito que alenta á renovación do ser.»
A Gala de entrega de premios terá lugar o próximo 31 de maio de 2024, ás 8 da tarde, no Hotel Congreso. Presentado pola periodista Aida Penas, ademais de recoñecer aos gañadores, renderase unha especial homenaxe á expresidenta e fundadora da asociación, Dª Rosa Gómez Limia, quen será nomeada socia de honra en recoñecemento á súa traxectoria e compromiso á fronte da entidade. A celebración contará tamén con outras actuacións que enriquecerán a velada.
Teenses pola Igualdade agradece a todos os participantes polos seus traballos presentados e felicita aos gañadores por este merecido recoñecemento. O evento do 31 de maio promete ser unha noite emotiva e memorable, marcada polo recoñecemento ao talento poético e o compromiso pola igualdade.
Para máis información, póñanse en contacto coa Asociación Teenses pola Igualdade a través do seu correo electrónico ou número de teléfono.