O pasado 20 de setembro ás 21 horas máis dun cento de persoas concentrouse diante da Casa do Concello de Teo para protestar contra a violencia machista, apoiando así a campaña #EmerxenciaFeminista promovida por organizacións de mulleres en todo o país.
Diante dunha fachada iluminada simbolicamente de violeta, membras de Teenses pola Igualdade deron lectura a un manifesto no que se destacaba un dato arrepiante: «o pasado mes de xullo, cada dous días unha muller foi asasinada».
«Non hai tempo, paremos o mundo. Non se pode seguir normalizando esta situación, non se pode seguir condenando ás mulleres a convivir co terrorismo machista. Un terror que se mete en cada recuncho do noso día a día, coa dúbida constante de quen será a seguinte», concluía o manifesto.