O Valedor do Pobo traslada a súa “boa disposición” e “sensibilidade” ás integrantes da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto na reunión mantida na mañá de onte.
Unha representación de seis mulleres mantivo unha entrevista con José Julio Fernández, na que éste lles informou dos trámites realizados cos recursos de amparo presentados en febreiro e trasladados ao Defensor del Pueblo.
O Valedor anuncioulles que incluirá no seu informe anual de 2013, que presentará o día 2 de xuño no Parlamento, os recursos presentados pola Plataforma que, con 2.693 rexistrados, son os segundos máis numerosos.
“Sensibilidade” e “boa disposición”. Estas foron as palabras utilizadas polo Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez, para referirse á situación exposta polas seis mulleres representantes das 74 entidades e organizacións asinantes da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, no marco da reunión que mantiveron as dúas partes na mañá de onte a petición da propia Plataforma co obxectivo de coñecer as razóns polas que Fernández trasladou os recursos de amparo presentados o 22 de febreiro ao Defensor del Pueblo.
Fernández Rodríguez, despois da exposición realizada pola coordinadora da Plataforma, Pilar Estévez, en defensa destes recursos e do seu contido, explicou as xestións e trámites realizados por el mesmo e o seu equipo durante o mes posterior ao do rexistro de ditos escritos. Así, informou de que, dada a relevancia social desta reforma e o forte impacto que está a ter, mantivo diferentes contactos incluso a nivel estatal, dos que concluíu que a solución máis eficaz para afrontar o que a Plataforma plantexa é a de trasladar os recursos ao Defensor del Pueblo (neste caso, defensora, xa que é Soledad Becerril).
Así as cousas, e como apuntou, mentres que esta reforma sexa un anteproxecto e estea a tramitarse nas Cortes do Estado, será o Defensor del Pueblo o encargado de resolver os recursos. Iso si, engadiu que no caso de que a reforma sexa aprobada e entre en vigor, e dado que as competencias en sanidade, educación e asuntos sociais, están transferidas, o asunto podería retomarse dende Galicia, se así o pedise a Plataforma.
Ademais, comprometeuse a incluir na súa comparecencia fixada para o vindeiro 2 de xuño no Parlamento para dar conta do informe anual correspondente a 2013 un apartado sobre os recursos promovidos pola Plataforma, aínda que foran rexistradas en febreiro de 2014. E é que, como dixo, trátase da segunda quexa máis numerosa das rexistradas nese informe, con 2.693 contabilizadas ata esta mañá (a éstas habería que engadir as presentadas hoxe, varios centos, porque a campaña de recollida de sinaturas continúa malia a resposta por escrito efectuada polo Valedor).
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que antes do inicio da reunión realizou unha pequena concentración ante a sede do Valedor, levará a cabo unha valoración polo miúdo do contido desta entrevista na vindeira xuntanza nacional, na que abordará as accións a realizar agora a este respecto. Tamén seguirá traballando noutras actividades que está a desenvolver co obxectivo de defender os dereitos e liberdades das mulleres e evitar que o Partido Popular siga adiante coa súa contrarreforma da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da IVE de 2010.