| XINETE DO CABALO DA MEMORIA (2º Premio. Concurso Poesía María Mariño) |
Xinete do cabalo da memoria,
cabalgando entre tebras poeirentas,
ceibo, nos amenceres caridosos,
urros de escuridade exasperada,
na procura da luz dos soños rotos,
que me sande a ferida empezoñada.
E, esgotado, bafexa o meu corcel
de tanto pescudar ermos baldíos,
sen fonte onde apagar o beizo enxoito,
árdego da dolor reconcentrada e
tripando a cruel aresta dese grixo,
que quer ferirme os febles pés da alma.
Ando buscando o inicio do futuro,
o punto onde encetou a miña morte,
na tráxica agromada involuntaria
dun nin querer, nin non querer, vivir
a vida que me veu en sorte un día:
morte que me tocou, certificada.
Inxente por demais tamaña angueira;
mandado por demais desaforado,
descoñecendo, prematuro, o medo
e incógnita a afouteza necesaria
pra desanobelar a meada ignota
que artellan para min nun mundo incerto.
Tentando pescudar ese dilema
de forzado nacer, son testemuña
do tremendo sufrir dos semellantes,
perdidos, coma min, nun desatino
e, coma min, á morte disparados,
remate do nacer, definitivo.
Eu tiven a alma espida ó ventimperio
das chuvias e sarabias despresadas,
durante ¡tantas vidas non vividas!
Durante¡tantas mortes soportadas!
E crin gozar promesas de mentira.
E crin soñar verdades simuladas.
Quero avantar e brilla, no horizonte
fosforescente, a ardora dos noxentos
cadáveres dos soños, podrecendo
e ameázanme celobres as casulas
dos vermes que han rillar, cando me renda,
cansado do morrer deste ir vivindo.
Nunca fun eu, que fun tan só instrumento
dun mal fado tal vez, desapiadado,
xogando a facer crer que, así, eu quería;
querendo facer ver que, así, eu creaba
e era tan só que eu, crendo que vivía,
enchía o cope da morte que agardaba.
Quixen fuxir, camiño do nacente
levando, tras de min, o meu futuro
-o pouco que me queda non gastado-
querendo ir cara atrás nos propios pasos.
(Pois sei de sempre que, na periferia,
está o embigo do mundo alí acochado).
Pero na esfera non hai escapatoria;
bóla chousa, privado de horizonte
tanto ten nese vidro o teu camiño:
hai mil rotas que levan a ningures,
e nese senlugar só é certa a morte,
sen podermos escoller outro destino.
E, neses dous estremos da traxedia,
dende antes de nacer a após da vida,
-ou sexa, cando xa remata a morte-,
tan só unha realidade: a pantomima
de ademanar e realizar esbrinzos,
dar choutos e canear as cambadelas
doutros moitos pantasmas enganados
que, coma min, semellan estar vivos
que, coma min, pensaban ser amados,
e pensaba tan só que eran un soño
-teimado nas consecuencias dunha arela-,
nos sonos doutros moitos trastornados.
me nacen e me morren sen querelo e,
no paréntese imposto, hei ter coidado:
son xoguete de deuses caprichosos;
pobre ixolo, por trasnos manexado;
e cando, aborrecidos, me desprecen,
¡a ver onde me pousan, derrotado...!
Rebeleime, e vou cara atrás no tempo,
xinete dun cabalo esgrouviado,
co espírito en feldrechas convertido;
co corpo, coma melfla, escangallado;
e o camiño, moi penzo e resequido,
sobexo está de abrollos sementado.
E cando chegue a esa final da rota,
toparei co iniciar doutro misterio,
tamén impervio e de imposible amaño:
a curva da parábola desfeita,
inicia a catenaria do retorno,
do principio do fin á morte negra.
E morrerá, comigo, todo o mundo.
Tan só me levarei algún relembro:
non vou querelo ollar, por non ferirme.
E, pechados os ollos do meu corpo,
poñereille un lampizo ó meu cabalo
para tapar, tamén, os da memoria. |
Marcelino Sisto Deibe |
18.05.07 |
|