| ELEXÍA DOS ALÉNS (1º Premio. Concurso Poesía María Mariño) |
Hai naves ancoradas nos peiraos brancos.
Esperan para levarnos a través de mares
sobrehumanos. Xa nada fica aquí para nós,
soamente morte. O que eriximos para a vida
mirróusenos nas mans como a terra enxoita.
Non soubemos aloumiñar o tesouro das especies,
o abraiante círculo que nos contiña e traballaba
para nós, cando a luz e o aire aínda nos amaban.
Todo o que tocamos converteuse en follas mortas.
Non hai meirande estupidez ca este mirar
que empezoña a preguiza, nutre a impotencia
dos ollos para atopar o verdor silencioso e húmido,
corrompe o sentido do mar na desolación da espera.
Os primeiros en chegar mandaron mensaxes
transparentes, misivas que contaban o que viran
máis alá dos océanos de tempo. Nas súas naves
surcaron todos os ocasos e as auroras derrotadas
sobre a fráxil ascua dos cometas e as galaxias.
Ningún refuxio descubriron, porque todo exilio
tiña prohibido por destruír un mundo. Soamente
contemplaron o terrible xardín de estrelas apagadas.
Navegantes que zarpaban de planetas estraños
entre o principio e o fin, habitan agora
anegados baixo océanos de esquecemento.
Asistín á tortura do anoitecer, ao pentagrama
de astros sobre a escuridade inmóbil, á lentitude
dun segundo ateigado de vida no fondo das pupilas
abertas para embriagarse de inmensidades.
Catei o sabor azul dun chumbo lonxano
estourando na grandiosa eternidade da noite.
Xa non pertenzo a ningún espazo nin tempo.
O futuro está consumíndose como unha muxica
que plasma o tempo todo no flash dun único instante,
soterrámolo no reloxo de area dun deserto inxente.
A araña do eterno anoitecer teceu o seu disfraz
de escuridades, xa nin sequera o porvir é noso.
É hora de marchar, de novo. Aínda podo rezar
por un día vermello, tan vermello que dure
até o fenecer do sol. Navegar. Quero navegar
até o principio de calquera outro mundo.
Cara a un vestixio anterior á tormenta fulgurante
avanzo por un anel de lume até as xunglas
desa limpa escuridade cuxa suave sabiduría
non son quen de descifrar. As garatuxas
dun infinito geyser de fotóns litúrxicos
rescátanme da idea de ser. Semento estrelas
na pel do eclipse planetario e percorro
as arcanías do senfín de rostros que un día
coñecín como satélites dun sol de derrotas.
Houbo un despois, o despois onde desaparezo
no xofre acedo dunha intelixencia artificial.
Non sentín dor nin pracer ao atravesar
os cilindros puros dun fenecer nacente.
Hoxe contemplo o firmamento como un paspán.
Xa non teño mans nin pés. O meu corazón
é unha aldeíñas sen nome nin rúas nin casas.
Xa non son nin listo nin parvo. Só levito
nas verdades frías, e o cavilar é unicamente
unha lembranza da escura transición.
Albisco sen temor as tremendas anchuras
do cosmos. Paseo por elas sen ter que andar
até alí, malia existir un recanto cuxo camiño
non se pode coñecer sen chegar ata el.
Quizais soamente nisto consistiu a viaxe.
Xa non quero regresar ao principio, desandar
o amargor dos mares de tempo. A única luz
que vexo é o luceiro que se espalla na miña
mirada de olvido. Nas galaxias que se apagan
e nos astros desorbitados reina unha única
soidade: só quero bebela coma quen bebe
o bico da sombra das propias perdas.
Recordo que un día amei e fun amado.
Quizais si, xacando. Xa nin sei lembrar
o efémero caer dun pétalo de ansia
sobre o amencer onde fervía a tebra
e as criaturas da noite lambían a luz
opaca das aves urdindo a primavera.
Cando aínda sabía que o meu recendo
era o recendo da choiva recén bebida
pola terra, podía presentir que o mundo
non se comprendía soamente con palabras,
que alí onde as palabras quedaban en silencio
resoaba a mouca interxección dos instintos
e o espello das paixóns exclamaba o seu reflexo.
Poida que encol das sombras azuladas
onde a nosa roupa se fundía humanamente
coas máxicas paisaxes dos enredos rápidos
aínda haxa pedras e humindades esquecidas.
Ás veces aínda vexo o río que pasou por nós
espindo o noso medo até volvelo carne.
Se cadra aínda brúa meigo o vento
nos outeiros do alén, acolá,
nese lugar do que veño. |
Adolfo Caamaño Vázquez |
18.05.07 |
|